| O mercado ITC medrará un 3,2% en 2006, con España por encima media | ||||
|
|
O informe anual do Observatorio Europeo de Tecnoloxías da Información (EITO, en inglés), feito público hoxe, revela que o mercado de Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións (ITC) medrará un 3,2% no 2006 na UE, alcanzando un valor de 643.000 millóns de euros. Ademais, o crecemento estimado do mercado español atópase por encima da media europea, cunha alza prevista do 4%.
Segundo o EITO estes datos confirman unha 'clara recuperación tras a retardación rexistrada no período 2001-2003. Pola contra, e aínda que o vello continente ocupa a maior porcentaxe do mercado mundial das ITC, cun 33,6%, a Unión Europea aínda seguirá por debaixo do desenvolvemento en Estados Unidos e Asia ( cunha previsión de crecemento no 2006 do 3,9% e 6,8%, respectivamente) segundo explicou durante a presentación do informe o presidente de EITO, Bruno Lamborghini. Mentres, a nivel mundial o aumento será do 4,6% en tecnoloxías da información e do 3,4% en telecomunicacións. No sector das tecnoloxías da información, o crecemento na UE será do 5% en 2006, cun valor de 306.000 millóns de euros, e beneficiarase especialmente da relativa fortaleza dos servizos de software. Porén, o mercado dos ordenadores terá un crecemento máis moderado, do 2,8% en 2006, cos mellores resultados para os portátiles, as impresoras e elementos periféricos multifuncións. Por países, Lamborghini destacou o bo desenvolvemento de España, que no 2005 medrou un 6,8%, mentres que para este ano se espera un 6,7 e para 2007 poderíase alcanzar o 7,2%. En canto ás telecomunicacións, espérase que o seu crecemento sexa algo inferior ás IT, sendo a súa previsión do 2,2% para o vindeiro ano, cun valor de 337.000 millóns de euros. Por países, o Reino Unido será o país da UE máis destacado, cun crecemento estimado para este ano do 3,6%, seguido de España, cun 2,7% para 2006, tras ter rexistrado un 6,5% o ano pasado e cunhas previsións do 1,6% para 2007. As áreas de entretemento e mobilidade serán as que mellor evolucionarán, xunto cos servizos de almacenaxe de datos e de Internet, así como a extensión das conexións de banda ancha. Segundo os cálculos realizados polos expertos do EITO, o maior aumento das conexións de banda ancha no período 2004-2008 corresponderá ao Este de Europa, cun 42,6%, mentres que dos antigos Quince destacan Reino Unido, cun 35,2%; Finlandia, 29,7%; Alemaña, 29,2%; Francia, 27,1%; Italia, 26,8%, e España, 26,2% -onde se pasará dos 2,6 millóns de conexións de alta velocidade que había en 2004 a 6,6 millóns en 2008-. Fonte: Telcommunity |
| < Prev | Next > |
|---|

