| Innovación achega cinco millóns de euros á implantación das tecnoloxías da información nas empresas | ||||
|
|
A Consellería de Innovación e Industria publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que convoca as axudas públicas para incentivar a implantación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nas empresas.
Para conseguir este obxectivo, o departamento que dirixe Fernando Blanco destinará cinco millóns de euros en tres anualidades: 3,3 este ano, un millón en 2007 e 700.000 euros en 2008. O 75 por cento desta contía está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Os requisitos establecen dúas liñas de actuación para as empresas que queiran optar a estas axudas. Por un lado, proxectos encamiñados á dixitalización da empresa através da mellora dos elementos centrais do seu sistema de información, como as bases de datos internas, aplicacións informáticas personalizadas para a súa actividade ou creación de webs de promoción comercial. A outra liña de axudas está destinada a empresas cuxa actividade principal e negocio se encadren no ámbito das TIC, polo que se subvencionarán proxectos orientados a ofertar novos produtos ou servizos neste campo, como a obtención de certificacións en metodoloxía de desenvolvemento de software ou a promoción e comercialización de produtos e servizos propios. A contía máxima para calquera destas axudas será do 30 por cento do investimento, e até o 40 para os proxectos baseados en código aberto. Ademais, cando os beneficiarios sexan micropemes ou pequenas empresas, a contía poderase incrementar até en 10 puntos porcentuais. A Consellería lembra tamén que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto até o vindeiro 28 de abril. FONTE: AGN |
| < Prev | Next > |
|---|

