|
O director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, anunciou a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do próximo 10 de abril dunha convocatoria de axudas para a realización de proxectos e actuacións de I+D na Área de Tecnoloxías da Sociedade da Información, no marco do Proxecto Avanza.
Segundo informou o ministerio de Industria, Turismo e Comercio, esta convocatoria ten como fin executar as tres medidas de Política Industrial de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) do Proxecto Avanza, referidas á planificación anticipada da demanda en TIC das Administracións Públicas, a mellora da calidade do software e o fomento das plataformas tecnolóxicas en España.
As axudas convocadas para o período 2006-2008 suman unha contía de 9,64 millóns de euros en subvencións e 28 millóns de euros en empréstitos, dos que corresponden á anualidade 2006 un total de 5,35 millóns de euros en subvencións e 15 millóns de euros en empréstitos. En concreto, 1,5 millóns de euros en subvencións e 5 millóns de euros en empréstitos dedicaranse no 2006 á medida do Proxecto Avanza dirixida á mellora da calidade do software feito en España.
Fonte: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio |