| Web semántica na Universidade de Santiago | ||||
|
|
Os vindeiros 3 e 4 de maio, celebraranse sesións dedicadas á web semántica na facultade de Física, coa presencia da Profesora da Universidade Politécnica de Madrid, Asunción Gómez Pérez.
Na actualidade, as páxinas webs están baseadas principalmente en documentos escritos en html. Esta linguaxe permite describir a estrutura dun texto, pero non o seu contido. Por exemplo, nun catálogo de libros á venda dunha libraría, a linguaxe html describiría que é o encabezado, o tamaño da letra e a fonte para que esa información sexa presentada nun navegador, etc. ; pola contra, non permitiría explicar, dun modo intelixible para unha máquina, que 1998 é o ano da publicación ou que 21 euros é o prezo. Para resolver estas deficiencias a W3C promoveu o concepto de web semántica. A web semántica, segundo os seus promotores, está relacionada, por unha banda, con formatos comúns para o intercambio de datos -mentres que na web baseada en html só tíñamos intercambio de documentos-. Por outra parte, ten que ver cunha linguaxe para rexistrar como os datos están referidos a obxectos reais. A principal aplicación deste concepto é ampliar a interoperabilidade entre os sistemas informáticos e reducir a mediación de operadores humanos nos procesos intelixentes de fluxos de información, destacando especialmente o seu potencial dentro das Administración Públicas. Dentro do programa de doutoramento interuniversitario en Tecnoloxías da Información das universidades de Santiago e A Coruña, as últimas sesións do curso de Enxeñaría do Coñecemento estarán dedicadas a esta materia. Para iso, contarase coa Profesora da Universidade Politécnica de Madrid, Asunción Gómez Pérez, destacada e recoñecida experto a nivel nacional, que leva moitos anos investigando nesta liña. As clases desenvolveranse no departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela, os días 3 e 4 de maio, a partir das 16.30.
|
| < Anterior | Seguinte > |
|---|


