| Europa crea o grupo Task Force para revitalizar o sector TIC | ||||
|
|
Dado que o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) é un factor clave que contribúe ao crecemento da Unión Europea, a Comisión Europea reuniu por primeira vez ao denominado Task Force, un grupo de traballo co que se pretende mellorar a competitividade das TIC dentro da UE. Este encontro, celebrado o pasado día 6 de xuño, abre un período de 5 meses no que se debaterán os retos dos usuarios e produtores de TIC.
"Concentraremos o noso traballo nas formas de facilitar a competencia transfronteiriza en Europa, suprimir os obstáculos a un auténtico mercado interior de servizos electrónicos, e combinar máis eficazmente os esforzos de investigación públicos e privados para impulsar as inversións nas TIC", subliñou Viviane Reding, comisaria de Sociedade da Información.
Task Force está composto por representantes de primeiro nivel da industria das TIC así como da sociedade civil. Así, están neste grupo algúns dos principais directivos de empresas como Alcatel, Sun Microsystems, Microsoft, Cisco, Deutsche Telekom ,Siemens ou IBM.
Entre outros aspectos, o Task Force dedicará un apartado especial a analizar cal é o contorno empresarial óptimo para a utilización, por parte das PEMES, das TIC e as diferenzas que existen, neste campo entre as rexións europeas. Ademais, tamén se estudará o apoio á innovación, a relación entre a propiedade intelectual e tecnoloxías da información, así como a cooperación entre grandes e pequenas empresas e institucións académicas.
Fonte: PcWorldPro/ Finanzas.com |
| < Prev | Next > |
|---|

