| A Consellería de Innovación en Industria participa na segunda conferencia internacional de ICHNOS | |||
|
|
A conferencia tivo lugar en Jihlava, na república Checa, o día 29 de xullo, na sé do goberno da rexión de Vysocina e contou coa asistencia de representantes de institucións públicas do norte e centro de Europa. O proxecto ICHNOS, cofinanciado polo programa Interreg IIIC da Comisión Europea, conta coa participación de Cerdeña (Italia), Vysocina (República Checa) e Galiza. O proxecto céntrase no estudo das xanelas únicas de tramitación empresariais como instrumentos de apoio ao emprendemento. O seu obxectivo e explorar as vías para a creación destas xanelas nas rexións onde non están operando, e analizar os problemas asociados o seu funcionamento, enfatizando o papel das novas ferramentas TIC como soporte ás mesmas.
O proxecto alíñase así coa proposta de directiva comunitaria Bolkestein, que recomenda aos estados membros a creación destes puntos de contacto únicos. Deberán posibilitar o acceso a información sobre requisitos para prestar servizos na rexión, autoridades competentes, acceso a rexistros... así como a realización de todos os procedementos e trámites necesarios para o inicio e exercicio da actividade, de forma tanto física como telemática.
O acto foi presentado polo presidente da rexión de Vysocina, D. Milo Vystrcil, e a el asistiron autoridades de varios países. Galiza estivo representada pola participación do Subdirector Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, D. Rafael Juanatey Mayán, e contou tamén coa intervención dos membros do equipo galego do proxecto. D Rafael Juanatey contextualizou a situación de Galiza e expuxo a situación e os plans en materia de apoio ás empresas no eido da sociedade da información.
Outros temas abordados na conferencia foron como atraer e asistir a emprendedores, como administrar os problemas de back-office das xanelas únicas e como prover e distribuír eficientemente grandes cantidades de información a emprendedores. Fíxose especial fincapé en cuestións tales como bases de coñecemento ou xestores de contidos.
A conferencia internacional do proxecto ICHNOS é a segunda que ten lugar tras a celebrada en Cerdeña en maio do 2005. O día anterior celebrouse unha reunión do Comité Director e outra do Comité Científico do proxecto nas que se analizou a evolución de mesmo, así como a planificación das próximas actividades. Destaca a definición dun modelo de Centro de Competencias para Xanelas Únicas que preste apoio aos traballadores das mesmas.
O Comité Científico está formado por expertos das diferentes rexións que avalía as accións levadas a cabo e presta o seu asesoramento ao Comité Director do mesmo. Por parte de Galiza o forman representantes da UDC e da Consellería de Innovación e Industria.
Máis información:
http://www.ichnos-project.org/galicia http://www.e-negociogalicia.com/cooperacion/ichnos |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

