|
No camiño por sentar as bases na definición dos obxectivos finais do proxecto europeo e-MINDER, os seus socios polacos, chipriotas e galegos reuníronse oficialmente esta semana en Pomerania (Polonia).
Os pasados días 4 e 5 de novembro tivo lugar a reunión oficial do proxecto e-MINDER en Pomerania (Polonia), á cal asistiron todos os integrantes do proxecto europeo. O evento constou de varias sesións de traballo, durante as cales se avanzou considerablemente sobre diversos temas relacionados co proxecto europeo no que se integra o Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia.
Os socios do proxecto e tamén anfitrións da reunión, o Computer Centre Regional Data Bank de Pomerania e a Oficina da Presidencia, destacaron pola súa hospitalidade e atencións ós asistentes. Desde Chipre asistiron representantes da Virtual IT Ltd., de Cyprus Telecommunications e da Universidade, todos eles integrantes do proxecto e-MINDER. Ademais, asistiron os coordinadores do proxecto, SchlumbergerSema, e os socios galegos, da UDC (Universidade da Coruña) e do Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia.
O obxectivo do e-MINDER é fomentar e axudar ó desenvolvemento do comercio electrónico e das novas tecnoloxías entre as PEMES, para o cal creou unha Rede Europea Rexional de Centros de Competencias da que forman parte os Centros de Pomerania (Polonia), Chipre e Galicia. A próxima xuntanza onde se volverán a reunir os socios do proxecto e-MINDER terá lugar os próximos 26 e 27 de novembro en Bruxelas. |